sábado, 9 de agosto de 2014

Novos cofrades e distincións no capítulo xubilar Xacobeo-Franciscano de 2014: Intervención do Presidente da Xunta

Núñez Feijoo destaca a vocación internacional de Galicia para construir un futuro de progreso grazas ao talento do seu capital humano.



Autoridades presentes
Amigos e amigas, 

Quixera comezar dándovos a todos a máis afectuosa benvida a esta cidade que é principio e fin. Digo isto porque aquí, en Santiago de Compostela, atópase a meta dunha ruta milenaria de peregrinación que desemboca no ‘finis terrae’ atlántico e que levan percorrido durante séculos milleiros e milleiros de persoas. Pero tamén, porque é desde a emblemática praza do Obradoiro, cumio do Camiño, e desde os moitos vieiros que conflúen nela, de onde emerxe un espírito de unidade que transloce a verdadeira faz da Europa dos pobos e das culturas. 

Santiago é o final dun camiño pero tamén é a orixe dunha vaga de espiritualidade, multiculturalidade e encontro que se forxou en torno á ruta xacobea e que permanece sempre vixente porque se propaga alén das nosas fronteiras co testemuño de cada peregrino que chega a esta terra. 

No Camiño de Santiago préndese, pois, o que para Galicia é un foco de universalidade que é o que tamén alumea a Enxebre Orde da Vieira, a que hoxe nos volve convocar nesta cidade patrimonio da humanidade que ten inspirado a súa primixenia vocación de galeguidade. 

Ocorre así cada Ano Santo pero, desta vez, é a conmemoración do VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela o motivo polo que esta enxebre orde de confraternidade cara a nosa terra celebra en Santiago o seu Capítulo extraordinario.

Porque aquí, na cimeira do Camiño, onde Galicia se reencontra cada día co resto do mundo, resoa con maior énfase o eco de ‘lembranza e amistade’ que pregoan como lema todos os galegos que, desde calquera punto da xeografía, dan vida a esta orde. 

A Enxebre Orde da Viera capitaliza os valores da tradición xacobea, e emprega un dos seus símbolos por excelencia, a cuncha de vieira -ou cuncha de Santiago-, como emblema da pegada galega que portan todos aqueles que son recoñecidos con este distintivo. 

A vieira simboliza o amor á terra, o compromiso con Galicia, o traballo e o talento galego; e, igual que identifica os miles de peregrinos de todo o mundo que percorren desde antigo a ruta a Compostela, tamén é un selo de identidade para esa parte do noso pobo que, desde a diáspora, conforma a quinta provincia galega. 

Porque baixo este emblema que o Camiño de Santiago fixo internacional, a orde leva recoñecido o labor de máis dun milleiro de galegos, tanto neste país como naqueles ata onde se estenden os lazos da emigración; e en campos tan diversos como a arte, a literatura, a economía, o periodismo ou a política.

É o caso de escritores como Celso Emilio Ferreiro, Torrente Ballester ou Camilo José Cela; de artistas como Laxeiro, Amancio Prada, Carlos Núñez ou Cristina Pato; de periodistas como Fernando Ónega ou Enrique Beotas; e de políticos como Manuel Fraga ou José Manuel Romay Beccaría, e tantos máis. 

Galegos, de nacemento ou de sentimento, ou fillos da emigración, que desde aquí ou desde acolá teñen contribuído a enaltecer o nome de Galicia e a ser parte activa do seu progreso como país. 

Aqueles que hoxe se suman a estas distincións polo seu compromiso de galeguidade teñen un fondo arraigo na cultura desta terra: á fronte de institucións que velan pola defensa e a divulgación do idioma galego, como Xesús Alonso Montero desde a presidencia da Real Academia Galega; ou, no caso da Fundación Penzol, por ser a custodia documental da historia de Galicia. 

Tamén a nosa música tradicional e un dos seus instrumentos máis representativos, a gaita, reciben neste acto unha homenaxe a través do recoñecemento á traxectoria artística de Susana Seivane, unha gaiteira que leva no apelido a mestría do son galego máis artesán. 

 A Orde da Vieira condecora, ademais, o labor empresarial de emprendedores que souberon facer do noso sector agrario unha sólida industria, como Manuel Gómez Franqueira, presidente do Grupo Coren desde 1986. 

De quen aposta polo potencial da economía galega desde o seu cargo á fronte da Consellería de Economía e Industria, Francisco Conde. 

De empresarios ao outro lado do Atlántico, como Ricardo Javier González Fernández, en Venezuela; ou dos que, como o panameño Gerardo García Gómez, coñecen de preto o brazo de apoio que para a economía supón o sector financeiro. A todos eles, que nos honran máis alá das nosas fronteiras. 

Por outra banda, coa distinción que reciben Domingo Bello Janeiro, Antonio Fernández Buján, ou o arxentino Juan Carlos Cassagne, recoñécese o mérito profesional destes tres xuristas e a importancia do Dereito como baluarte das liberdades e da democracia. 

Así mesmo, no nomeamento de Francisco Javier Castro Miramontes, reitor do Convento San Francisco, está, o eloxio a quen acubilla o acervo xacobeo. 

E, finalmente, tamén o mundo da arte, do xornalismo e do cine son aquí condecorados a través do labor de historiadores como José Manuel García Iglesias, do xornalista Lois Caeiro, ou, desde Miami, de empresarios cinematográficos como Carlos Vasallo Tomé

Queridos amigos. Sodes a proba palpable de que Galicia é un país con grandes aspiracións grazas ao seu capital humano. Un país con vocación internacional que quere construír un futuro de progreso desde a unidade e a suma de esforzos. Sodes parte desa materia prima coa que esta terra medra en extensión e alcanza incluso a outra beira do Atlántico. 

Eu convídovos a que estes recoñecementos que veñen reafirmar o voso vínculo con Galicia vos fagan voceiros dunha terra aberta ao mundo; e que esta xuntanza que hoxe celebramos aquí sirva para reavivar, se cabe aínda máis, o sentimento de galeguidade que todos levamos dentro. 

 Parabéns. Moitas grazas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario